17/05/2026
BEGOÑÍSIMA
17 de Maio, Día das Letras Galegas en homenaxe a Begoña Caamaño
BEGOÑÍSIMA é un tema do disco “Indómitas” de Uxía e é tamén o título do libro da Andrea Nunes Brións sobre a autora homenaxeada. Begoñísima, foi tamén o nome dado ao acto homenaxe no que o 26 de outubro de 2015 máis dunha trintena de persoeiros das artes escénicas, música, literatura e comunicación se reuniron para recordala.
É Begoña Caamaño unha referente feminista? Clarísimamente e fundamentalmente. En “Circe ou o pracer do azul” e “Morgana en Esmelle” móstranos as personaxes clásicas dende un novo punto de vista: o feminino. En palabras da propia Caamaño: “É o tempo do feminismo, da xustiza, da igualdade e da felicidade”.
Begoñísima, polo tanto, é un superlativo aplicado á figura da autora polas que foron as máis amigas e compartido, tamén, pola xente que a coñeceu. Este termo denota que o seu paso pola vida foi máis alá do significado dun único cualificativo. En 'Nós Diario', Sergio Casal fala de Begoña Caamaño como “unha muller comprometida coa lingua, co feminismo e co xornalismo crítico”.
En “O libro das amigas”, presentado polo Consello da Cultura Galega, 24 mulleres da contorna da autora, publican unha carta a modo de despedida que Begoña enviara á súa intima amiga Uxía. E na que di: “Que esteades todas xuntas, todos xuntos, para vos consolar mutuamente e, cando eu xa estea adormecida para sempre, volveredes a brindar por min se é que vos parece que o merezo.”
Claro que o mereces, Begoña! Neste 17 de maio serás a BEGOÑÍSIMA de todas as que nos sentimos herdeiras do teu legado!