23/07/2026
VENRES 31 DE XULLO
INAUGURACIÓN, PREMIO DE HONRA E DOCUMENTAL.
A Semana de Cine abre cunha homenaxe moi especial.
A Semana de Cine comeza cunha xornada dedicada á memoria, á historia do Cine Clube Ádega e ás persoas que contribuíron ao desenvolvemento cultural e cinematográfico de Vilagarcía.
Ás 21:00 horas terá lugar a inauguración oficial desta edición especial, coa que o Cine Clube Ádega celebra os seus 50 anos de historia.
Durante o acto farase entrega do Premio de Honra do Cine Clube Ádega ao actor vilagarcián Carlos Blanco, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e á súa estreita relación cos primeiros anos da entidade.
Carlos Blanco foi membro fundador do Grupo de Teatro Ítaca e do propio Cine Clube Ádega, dous proxectos que contribuíron á renovación cultural da Vilagarcía dos anos setenta. A súa posterior carreira como actor, autor e humorista converteuno nunha das figuras máis recoñecidas da escena galega.
A entrega deste premio quere recoñecer tanto a súa traxectoria artística como a súa participación naquel impulso cultural colectivo que deu orixe ao Cine Clube Ádega.
Ás 22:00 horas presentarase o documental: A mirada compartida. Reflexo dunha vila.
Un percorrido pola historia do Cine Clube Ádega e pola súa relación coa evolución cultural e social de Vilagarcía.
A través de fotografías, documentos, arquivos audiovisuais e testemuños de distintas xeracións, o documental reconstrúe medio século de proxeccións, debates, encontros e experiencias compartidas.
Non é unicamente a historia dunha asociación. É tamén a historia dos espazos nos que vimos cine, das persoas que mantiveron vivo o proxecto e dunha vila que foi mudando xunto ao seu cineclube.
📆 Venres, 31 de xullo de 2026
📍 Salón García, Vilagarcía de Arousa
🕒 21:00 h — Inauguración da Semana de Cine
Entrega do Premio de Honra do Cine Clube Ádega a Carlos Blanco 🕒 22:00 h — Presentación do documental
🎟️ Entrada de balde